A través de varios rogos, nos que se piden tamén outras melloras relativas a seguridade vial e limpeza demandadas polos veciños
Vilagarcía, 13 de agosto de 2008.- O responsable de Participación Cidadá do Grupo Municipal do Partido Popular, Jaime Ramos, plantexará ao Goberno local de Vilagarcía unha serie de rogos destinados a paliar diversas carencias do barrio de Trabanca Badiña que lle foron expostas polos habitantes do lugar nunha recente xuntanza, convocada a través do responsable parroquial do partido na zona. Entre eles, o PP solicita un dobre carril de saída do dito barrio cara a coñecida como “rotonda das Mans”, no cruce das Carolinas, así como a ampliación da rúa Robaleira. Igualmente, pídense tamén outras melloras relativas a seguridade vial e limpeza demandadas polos veciños.
Para mellorar a circulación, ademais da solicitude ás autoridades responsables do devandito dobre carril, o PP plantexa o pintado nesa mesma saída dunha sinalización que prohíba parar no cruce, co obxectivo de que os vehículos que saen cara a Pontevedra, tanto desde o barrio coma desde o polígono alí existente, poidan facelo sen quedar taponados polo abundante tráfico que se dirixe cara o centro.
Respecto á rúa Robaleira, Jaime Ramos lembra que o Concello acometeu hai uns anos unha pequeña ampliación da mesma “mediante un mínimo recheo nun solar da zona”. Hoxe, engade o concelleiro do PP, “o propietario do solar está disposto a ceder o terreo necesario para que se poida ampliar o ancho da rúa en toda a súa lonxitude, o que suporía un importante beneficio para todos os veciños da zona”, polo que solicitan ao Goberno local que concrete un acordo co dito propietario e acometa a ampliación.
Doutra banda, e en canto a seguridade vial, os rogos céntranse tamén na reparación do firme na rúa Camiño Real, á altura dos números 15 e 17, e na instalación dun espello que facilite a visibilidade dos condutores que se incorporan á circulación desde a rúa Bouciña ao cruce coa rúa Alto do Rei.
PAPELEIRAS E LIMPEZA
O Partido Popular solicita tamén que o Concello dote de máis papeleiras a zona do parque infantil e a zona deportiva e recreativa e que se proceda á limpeza de maleza e ao remate das escaleiras que unen a zona da Bouza coa travesía do Lombo, escaleiras “que foron feitas polo Concello hai máis de cinco anos e que a día de hoxe continúan sen rematar a pesar da promesa feita no seu momento polo Grupo de Goberno”, apunta Ramos.
Por último, pídese que se proceda á limpeza de lixo e malezas en rúas e beirarrúas de todo o barrio, con especial atención ás máis afastadas, caso de Alto do Rei, Camiño do Lombo, Robaleira, Extrema, Depuradora e arredores.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
0 comentarios:
Publicar un comentario en la entrada